OS LADRÓNS LEVAN TRAXE – adianto do novo disco PLUM!

RUXE RUXE ESTREA O VIDEOCLIP DE “OS LADRÓNS LEVAN TRAXE” E ANUNCIA A PRESENTACIÓN DE “PLUM!”

A banda de Aríns publica o primeiro adianto do seu próximo disco e confirma que a estrea oficial de Plum! terá lugar o vindeiro 13 de febreiro na Sala Capitol de Santiago de Compostela. 

Ruxe Ruxe abre unha nova etapa coa estrea do videoclip de “Os ladróns levan traxe”, primeiro adianto de Plum!, o disco co que a banda celebra trinta anos de traxectoria e que verá a luz a primeiros de ano.

Fiel ao espírito crítico que sempre caracterizou ao grupo, “Os ladróns levan traxe” é unha descarga de rock contundente e sen concesións que pon o foco sobre os privilexios, as desigualdades e as máscaras do poder. Cunha sonoridade directa e un discurso afiado, a canción recupera a esencia máis combativa de Ruxe Ruxe sen renunciar á súa identidade musical construída ao longo de tres décadas de compromiso coa música feita en galego.

O videoclip, que acompaña este primeiro lanzamento, serve como carta de presentación dun traballo gravado en Euskadi baixo a produción de Kaki Arkarazo. Plum! incluirá doce cancións inéditas nas que a banda reafirma un universo sonoro e lírico absolutamente recoñecible, no que conviven o rock, o punk, a herdanza bravú, a retranca, a poesía e a crítica social.

O videoclip de animación é obra do ilustrador e animador Diego Pérez (@diebujitos) e pon o foco na indignación fronte a situacións nas que a clase política utiliza diñeiro público para financiar os seus gastos persoais, luxos e vicios nunha metáfora na que os raposos máis depravados son os que coidan das galiñas.

Coincidindo coa publicación deste primeiro adianto, Ruxe Ruxe anuncia tamén a data de presentación oficial do novo disco. A cita será o 13 de febreiro de 2027 na Sala Capitol de Santiago de Compostela, nun concerto moi especial co que o grupo dará o pistoletazo de saída á xira do seu trinta aniversario.

Despois de tres décadas de actividade ininterrompida, dezaseis discos publicados e centos de concertos por Galicia, o resto do Estado e Europa, Ruxe Ruxe chega a este novo capítulo nun dos momentos máis sólidos da súa carreira. Plum! non é só un novo disco: é a celebración dunha maneira de entender a música e a cultura desde a independencia, o compromiso social e a identidade propia.

A publicación de “Os ladróns levan traxe” marca o inicio dunha campaña que continuará nos vindeiros meses con novos adiantos e co anuncio das primeiras datas dunha xira que promete ser unha celebración da vida, do rock, da amizade e da cultura do país. 

Ruxe Ruxe. Trinta anos. Sempre adiante.

Billy Bragg

E da outra esquina chegaban cancións.

Eran días nos que as xentes perdían a fé e cada quen corría en busca dun pau frotando ó que agarrarse para tentar non ir ó fondo. Os océanos xa nunca máis estarían en calma e o sol queimaba a pel incluso nos días de choiva e frío.

Acordes e palabras. Días pasados, días por descubrir e centos de sentimentos latexando e por latexar.

E debaixo da súa gorra e coa súa guitarra acústica Billy Bragg facéndose vello.

Marabillosamente vello ¡!  Mellor dito.

De Tarifa a Fisterra

Vir nunha barca de xoguete buscando a vida e burlando á morte …

No estreito máis longo e baixo as lúas máis altas e a estrela máis escura.

E do outro lado a terra prometida na que as desigualdades económicas e sociais medran en mans de políticas capitalistas vendidas ás fauces do poder e executadas por monicreques políticos mestres nas artes da campaña electoral pero con pouca conciencia política, humana, social e persoal.

Terra prometida, salvaxe e inhumana.

O mundo é de todos, o osíxeno é de todos, ninguén é máis nin ninguén é menos pero os cartos, os aramados, o poder e as metralletas son so duns poucos.

Benvid@s @s que chegades viv@s e ogallá se cumplan os vosos soños. Aquí tamén o ides ter difícil.

De Tarifa a Fisterra esto pinta mal. Nin sentido común nin miga de humanidade nos que poñen as regras e pintan bandeiras.

Aquí fai falta xente de verdade coma vós e sobran moitos de mentira dos que están … pero témolo e tédelo fodido.

Benvid@s ó estado miseria.

Eso si: para nós, os que estamos aquí abaixo, vós non sodes estranxeiros. Sodes un regalo de soños e cor. Un regalo de outro mundo que trae esperanza e contaxia ilusións.

O mundo é de tod@s.

Que ben o contaban fai uns anos os Ghamberros !!!!

Preguntas e respostas

Preguntas e respostas.

Cantas veces nos preguntaron aquelo sobre cantar en galego.

Non temos resposta aparte de que en Aríns somos monolingües, que verjonsa verdade?. E supoño que por imitación ás bandas que nos marcaron cando comezamos nesto da música aínda que daquela tamén teriamos que cantar en español, en ingles ou incluso en euskera.

Se eramos bravús ou non o eramos cando non sabíamos nin sequera que queríamos ser. E ben é certo que aí a nosa admiración polas bandas bravús enchianos de ilusión cada vez que algún xornalista nos metía nese carro. Menuda honra.

E pola gaita e polos ritmos tradicionais en moitas das cancións. E polas letras costumistas e de cheiro á aldea, pouco rebuscadas e cantadas ó chou.

O certo é que cando empezou esta historia pronto nos demos conta do malos que eramos facendo versións doutros grupos. Tamén nos demos conta que o blues nos parecía algo soporífero e que eramos demasiado vagos para ir a unha escola de jazz. Que o punk berreta tampouco nos molaba un carallo e que Manu Chao pois tampouco nos parecía gran cousa. A nós gustábannos os Zenzar, os Kortatu, os Korosi Dansas, os Enemigos, os nosos veciños de San Lázaro Túzaros, os Clash, os Pogues, os Siniestro, os Diplomáticos, os Talking Heads, os Fuxan, os Pixies, os Stranglers, a Polla Records, Motorhead e os Rastreros … e máis cousas que agora mesmo non me acordan ou que é mellor nin acordarse pero que por aí andaban.

Así que decidimos facer as nosas cancións. Todo o orixinais que fosemos capaces tendo en conta que de talento sempre andivemos bastante xustos. Copiamos o que poidemos, estruxamos na nosa maltreita e particular capacidade creativa e fixémonos devotos de facer as cousas á nosa maneira importándonos todo o demais tres carallos e medio.

Fixemos amig@s, enemig@s, soci@s, compañeir@s de viaxe. Centos e centos de concertos. Sacáronnos millóns de fotos. Saimos na radio e na tele. Tocamos ben, moi ben, mal, fatal. Choveu, fixo sol. Abrimos festivais, pechamos festivais. Tocamos no país, fóra do país. No continente, fóra do continente. Ata case tocamos en Aríns, o outro día, por uns metros, no Monte do Gozo no Brincadeira.

Tamén gravamos discos e un montón de cancións e tamén fixemos videoclips.

E que vos queremos decir con todo esto …?

Pois que tanto ten. Que non hai respostas a certas preguntas. Pero que seguimos adiante. Que empezamos con este proxecto no 95 aínda que ata o 96 non se fixo o primeiro concerto e que xa van alá case que 20 anos.

Que nola pela bastante en canto a certas cousas. Que canto maís vellos máis rabudos. Que o noso soño é seguir soñando e que a ver se temos a sorte de un día facer unha canción das boas de verdade.

Non sabemos se chegará ese día pero seguirémolo intentado con toda a nosa ilusión.

… e mentras … a seguir disfrutando xunto a vós … que 19 non son nada ¡!!

Share

×

7,8,9 AGOSTO 14

Pois ben contentos de cómo foi a finde pasada.

Concertos caralludos.

O xoves en Vilanova moita xente, producción ben feitiña e tarde ben bonita baixo o sol e a maxia da Arousa e en compañía dun montón de grupos, músicos e persoas que nos molaron un montón. Un dez para o Rockin Vila e para os seus organizadores.

O venres no Brincadeira moitos amigos véndonos tocar na casa. No monte do Gozo que se non é Aríns aí lle anda e que nos queda a tiro de pedra do local de ensaio. Tamén estivo curioso eso de tocar xusto antes de Georgie Dann. Pola nosa parte cremos que tocamos bastante ben e que quedaron reflexadas as horas de ensaio metidas nos últimos meses e xunto coa disponibilidade dun tremendo equipazo de son tanto no técnico como no humano o concerto quedou de primeira.  … ademais respeteounos a choiva que xa parecía miragre despois de estar arreciando toda a tarde.

E o sábado en Begonte tarde de sol e noite excepcional no climatolóxico. O Festival 27373 faise nun marco natural fermosísimo e cunha hospitalidade, un cariño e un trato persoal dos que dan gosto. Compartimos escenario cos Milesios e cos Tiruleque e unha vez máis quedounos bastante claro o nivelazo musical deste país … e despois nós botamos o resto nun concerto deses doentes que saen de cando en vez e que che deixan o corpo feito un cristo para despois botalo nunha cama 48 horas de desmaio. Foi o que fixemos os ruxe despois desta finde.

Agora unha semaniña de descanso e logo a darlle leña que temos moitos frentes abertos. Preparar os directos que quedan. Tres cancións para tres causas ben bonitiñas para gravar no estudio antes de que remate agosto. Ir rematando a docu sobre ruxe-ruxe que está a facer o enorme Jairo Iglesias e que está quedando de vicio … e comezar a montar as cancións dun disco novo ó que lle temos moitas pero que moitas ganas.  Queremos que o 2015 sexa un ano moi especial para nós 🙂

Toca sementar …
… a ver se a colleita do 2015 sae ben boa ¡!!

FALANDO DE ALIMARIAS

Hai quen non lle teme á noite. Tamén disque hai quen non lle teme á soidade da noite. Incluso hai xente que non lle teme a nada.

O caso é que van xa unhas cantas ocasións nas que algunha xente, imaxino que medosa coma nós, nos comenta que “noite de alimarias” é a súa canción preferida dos ruxe.

Non nos estraña pois tamén é unha das nosas preferidas mais non somos nós de dar moitas explicacións sobre cousas destas.

So decir que pensamos nun tempo que incluso sería unha boa peza para titular aquel disco dos toxos aínda que finalmente os tiros foron por outro lado. Tamén decir que a sentimos coma unha canción de amizade, de amor, de necesidade e desesperación vital ante as ansias de compartir enerxía, vida e latexos.

Somos medosos si !! por moito que ouveemos o contrario tantas veces 🙂 … pero non lle tememos á noite se é en compañía. Non hai alimaria, nin medo, nin ruín pensamento que non se escorrente cun bico, cun aloumiño, unha mirada limpa e fermosa ou unhas palabras sinceiras e necesarias …

Quedade con nós esta noite que dí a canción …  quedade tamén o día …

Xamais estaremos en soidade mentras alguén escoite unha canción nosa. Iso seguro.

Ogallá axudemos, aínda que so sexa unha mighalla, a que sintades algo parecido coa nosa compañía musical dende o outro lado do reproductor.

Bicos !!