Escoita Ruxe-Ruxe nas seguintes canles !

 

[Pulsa sobre o logo correspondente e dálle o play!]

eu8PDO627CgDAyf2IrATmg-deezer-logoitunes-logo-png-transparent

Google-play-logo.jpg

OS LADRÓNS LEVAN TRAXE – adianto do novo disco PLUM!

RUXE RUXE ESTREA O VIDEOCLIP DE “OS LADRÓNS LEVAN TRAXE” E ANUNCIA A PRESENTACIÓN DE “PLUM!”

A banda de Aríns publica o primeiro adianto do seu próximo disco e confirma que a estrea oficial de Plum! terá lugar o vindeiro 13 de febreiro na Sala Capitol de Santiago de Compostela. 

Ruxe Ruxe abre unha nova etapa coa estrea do videoclip de “Os ladróns levan traxe”, primeiro adianto de Plum!, o disco co que a banda celebra trinta anos de traxectoria e que verá a luz a primeiros de ano.

Fiel ao espírito crítico que sempre caracterizou ao grupo, “Os ladróns levan traxe” é unha descarga de rock contundente e sen concesións que pon o foco sobre os privilexios, as desigualdades e as máscaras do poder. Cunha sonoridade directa e un discurso afiado, a canción recupera a esencia máis combativa de Ruxe Ruxe sen renunciar á súa identidade musical construída ao longo de tres décadas de compromiso coa música feita en galego.

O videoclip, que acompaña este primeiro lanzamento, serve como carta de presentación dun traballo gravado en Euskadi baixo a produción de Kaki Arkarazo. Plum! incluirá doce cancións inéditas nas que a banda reafirma un universo sonoro e lírico absolutamente recoñecible, no que conviven o rock, o punk, a herdanza bravú, a retranca, a poesía e a crítica social.

O videoclip de animación é obra do ilustrador e animador Diego Pérez (@diebujitos) e pon o foco na indignación fronte a situacións nas que a clase política utiliza diñeiro público para financiar os seus gastos persoais, luxos e vicios nunha metáfora na que os raposos máis depravados son os que coidan das galiñas.

Coincidindo coa publicación deste primeiro adianto, Ruxe Ruxe anuncia tamén a data de presentación oficial do novo disco. A cita será o 13 de febreiro de 2027 na Sala Capitol de Santiago de Compostela, nun concerto moi especial co que o grupo dará o pistoletazo de saída á xira do seu trinta aniversario.

Despois de tres décadas de actividade ininterrompida, dezaseis discos publicados e centos de concertos por Galicia, o resto do Estado e Europa, Ruxe Ruxe chega a este novo capítulo nun dos momentos máis sólidos da súa carreira. Plum! non é só un novo disco: é a celebración dunha maneira de entender a música e a cultura desde a independencia, o compromiso social e a identidade propia.

A publicación de “Os ladróns levan traxe” marca o inicio dunha campaña que continuará nos vindeiros meses con novos adiantos e co anuncio das primeiras datas dunha xira que promete ser unha celebración da vida, do rock, da amizade e da cultura do país. 

Ruxe Ruxe. Trinta anos. Sempre adiante.

Ler máis novas

Concertos

13 Feb 2027 SALA CAPITOL (+ The Eskarallas) Santiago de Compostela Mercar entrada