Diario de gravación. Dous, tres ensaios antes.

O próximo xoves comezamos a gravar. Quédannos dous ou tres ensaios para ir limando as últimas “asperezas” e listo.

A verdade é que vai ser este o disco que máis escoitado levamos antes de entrar en estudio pois levamos xa unhas semanas facendo unha pre-produción gravando e regravando no local de ensaio todas as cancións.

Baixo a batuta de Miguel nos botóns das máquinas (ademais de bourar nas guitarras), fumos rexistrando, un por un, a nosa intervención en cada peza . Despois el foi editando e facendo mesturas para presentarnos o traballo xa nunha fase de alicatado moi próxima o posible resultado final.

O traballo de Miguel está sendo espectacular e as cancións xa soan caralludas caralludas.

Agora o dito, unha ultimísima pulida e a gravar coa ilusión e a enerxía polas nubes.

Seguiremos informando. Saúde queridiñ@s !!

(foto by Rober)

diario de gravación_semana e media antes

Diario de gravación. Semana e media antes.

Máis de tres meses levamos metidos nun cortello inventando cancións novas. Tres meses xa. Pasaron nun abrir e fechar de ollos e dentro de semana e media caemos de novo nos doces labirintos do estudio de gravación para facer o noso próximo disco. E crédenos cando vos digamos que de verdade ás veces perdemos a conta dos que levamos.

20 “ será o título do disco e máis ou menos fala exactamente deso. De vinte anos que pasaron en 20”.

Traballamos con auténtico pracer nestas novas cancións e a tarefa está sendo ben gratificante.

Faremos un diario de gravación para irvos contando como nos van as cousas por aquelo de se tedes un tempo e queredes enredar con nós e entretervos un pouco se vos peta.
Ademais teremos ó grande Rober coa súa cámara de fotos retratándonos todo o proceso así que temos pingas de arte fotográfico asegurado neste diario de invento e gravación de cancións.