Preguntas e respostas

Preguntas e respostas.

Cantas veces nos preguntaron aquelo sobre cantar en galego.

Non temos resposta aparte de que en Aríns somos monolingües, que verjonsa verdade?. E supoño que por imitación ás bandas que nos marcaron cando comezamos nesto da música aínda que daquela tamén teriamos que cantar en español, en ingles ou incluso en euskera.

Se eramos bravús ou non o eramos cando non sabíamos nin sequera que queríamos ser. E ben é certo que aí a nosa admiración polas bandas bravús enchianos de ilusión cada vez que algún xornalista nos metía nese carro. Menuda honra.

E pola gaita e polos ritmos tradicionais en moitas das cancións. E polas letras costumistas e de cheiro á aldea, pouco rebuscadas e cantadas ó chou.

O certo é que cando empezou esta historia pronto nos demos conta do malos que eramos facendo versións doutros grupos. Tamén nos demos conta que o blues nos parecía algo soporífero e que eramos demasiado vagos para ir a unha escola de jazz. Que o punk berreta tampouco nos molaba un carallo e que Manu Chao pois tampouco nos parecía gran cousa. A nós gustábannos os Zenzar, os Kortatu, os Korosi Dansas, os Enemigos, os nosos veciños de San Lázaro Túzaros, os Clash, os Pogues, os Siniestro, os Diplomáticos, os Talking Heads, os Fuxan, os Pixies, os Stranglers, a Polla Records, Motorhead e os Rastreros … e máis cousas que agora mesmo non me acordan ou que é mellor nin acordarse pero que por aí andaban.

Así que decidimos facer as nosas cancións. Todo o orixinais que fosemos capaces tendo en conta que de talento sempre andivemos bastante xustos. Copiamos o que poidemos, estruxamos na nosa maltreita e particular capacidade creativa e fixémonos devotos de facer as cousas á nosa maneira importándonos todo o demais tres carallos e medio.

Fixemos amig@s, enemig@s, soci@s, compañeir@s de viaxe. Centos e centos de concertos. Sacáronnos millóns de fotos. Saimos na radio e na tele. Tocamos ben, moi ben, mal, fatal. Choveu, fixo sol. Abrimos festivais, pechamos festivais. Tocamos no país, fóra do país. No continente, fóra do continente. Ata case tocamos en Aríns, o outro día, por uns metros, no Monte do Gozo no Brincadeira.

Tamén gravamos discos e un montón de cancións e tamén fixemos videoclips.

E que vos queremos decir con todo esto …?

Pois que tanto ten. Que non hai respostas a certas preguntas. Pero que seguimos adiante. Que empezamos con este proxecto no 95 aínda que ata o 96 non se fixo o primeiro concerto e que xa van alá case que 20 anos.

Que nola pela bastante en canto a certas cousas. Que canto maís vellos máis rabudos. Que o noso soño é seguir soñando e que a ver se temos a sorte de un día facer unha canción das boas de verdade.

Non sabemos se chegará ese día pero seguirémolo intentado con toda a nosa ilusión.

… e mentras … a seguir disfrutando xunto a vós … que 19 non son nada ¡!!

Share

×

FALANDO DE ALIMARIAS

Hai quen non lle teme á noite. Tamén disque hai quen non lle teme á soidade da noite. Incluso hai xente que non lle teme a nada.

O caso é que van xa unhas cantas ocasións nas que algunha xente, imaxino que medosa coma nós, nos comenta que “noite de alimarias” é a súa canción preferida dos ruxe.

Non nos estraña pois tamén é unha das nosas preferidas mais non somos nós de dar moitas explicacións sobre cousas destas.

So decir que pensamos nun tempo que incluso sería unha boa peza para titular aquel disco dos toxos aínda que finalmente os tiros foron por outro lado. Tamén decir que a sentimos coma unha canción de amizade, de amor, de necesidade e desesperación vital ante as ansias de compartir enerxía, vida e latexos.

Somos medosos si !! por moito que ouveemos o contrario tantas veces 🙂 … pero non lle tememos á noite se é en compañía. Non hai alimaria, nin medo, nin ruín pensamento que non se escorrente cun bico, cun aloumiño, unha mirada limpa e fermosa ou unhas palabras sinceiras e necesarias …

Quedade con nós esta noite que dí a canción …  quedade tamén o día …

Xamais estaremos en soidade mentras alguén escoite unha canción nosa. Iso seguro.

Ogallá axudemos, aínda que so sexa unha mighalla, a que sintades algo parecido coa nosa compañía musical dende o outro lado do reproductor.

Bicos !!

Eran uns rapases da aldea

… ouuuu ¡ … estooo ! … xa non tan rapases ¡!!

O caso é que naqueles campeiros da aldea agora existen cousas que antes non existían cando eles andaban a mollar os pés polas corredoiras. Eran tempos diferentes nun mundo diferente e de olladas e ventos diferentes.

O único que non mudou foi a terra na que se chantan ilusións e se espetan esperanzas. Esa sigue aí dándonos vida e repartindo alento, auga e regalía. Aaaaaah e tampouco mudaron as paredes de pedra de metro e pico de ancho daquela corte de vacas e cuchos que agora dá tan bo abeiro ó noso barullento “rock do país” … tan testarudo , doente e desesperado.

Quen nolo ía decir?. Século XXI. Agora temos internet.

Benvid@s a esta nosa casa futurista. Benvid@s á nosa fiestra eléctrica. Bénvid@s a este cortelho multimedia. Benvid@s á nosa web.
Saúdos dende Aríns.